Monday 29 de April de 2024

Román Rodríguez subliña o retorno para a imaxe e a economía de Galicia da próxima filmación da serie infantil “Argonautas” co apoio da Xunta


— O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade en funcións participa na presentación desta coprodución de Portocabo e Clan TVE, que conta cunha axuda de 350.000 euros a través do fondo de rodaxes do Hub Audiovisual do Goberno autonómico

— Laxe e a cidade da Coruña acollerán a gravación desta serie do xénero ‘kids live action’, que xira arredor de cinco amigos nun verán cheo de aventuras

— Trátase dun dos catro primeiros proxectos subvencionados dentro do programa para a atracción de rodaxes á nosa Comunidade, cuxo retorno económico total estímase en máis de 15M€ a partir dun investimento público de 1,3M€

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade en funcións, Román Rodríguez, participou hoxe na presentación na Coruña da serie infantil en imaxe real Argonautas, coprodución da empresa galega Portocabo e Clan TVE que se filmará proximamente en Galicia con financiación do fondo de rodaxes do Hub Audiovisual da Xunta. Trátase dun dos catro primeiros proxectos subvencionados a través deste programa, que a semana pasada abriu unha segunda convocatoria dotada con 2 millóns de euros e que, en palabras do conselleiro, “reforza a imaxe da nosa Comunidade como plató de cinema e de televisión”, ademais de ter unha importante repercusión en termos económicos e de emprego.

Román Rodríguez referiuse tamén ás estimacións sobre o impacto destas rodaxes: ademais de Argonautas, as das series Rapa, tamén de Portocabo, e Hasta el cielo, de Vaca Films, e a da longametraxe 13 Exorcismos, de Bambú Producciones. Segundo os primeiros datos arroxados por un estudo encargado á Universidade de Santiago de Compostela, o retorno económico directo e indirecto das catro filmacións superará os 15 millóns de euros, cifra que vén confirmar o efecto multiplicador do investimento público na industria audiovisual galega, que neste caso sumou 1,3 millóns de euros en adxudicacións. En canto á capacidade de emprego, agárdanse 230 contratacións en termos equivalentes anuais.

Retorno estimado de 2,6M€
No caso concreto de Argonautas, o responsable de Cultura do Goberno galego explicou que se calcula un impacto económico de 2,6 millóns de euros e a creación duns 40 postos de traballo a partir da subvención de 350.000 euros por medio do devandito fondo de rodaxes.

Laxe e a cidade da Coruña son as localizacións escollidas para o novo traballo da produtora Portocabo, á que Román Rodríguez lle agradeceu publicamente a súa aposta por rodar en Galicia desde unha perspectiva nacional e internacional coa que está “conquistando as principais plataformas de distribución e facéndoo, ademais, cun claro selo galego”.

Acompañaron o concelleiro nesta presentación o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil o CEO de Portocabo e produtor executivo de Argonautas, Alfonso Blanco, e o director de contidos infantís de RTVE e Clan TVE, Yago Fandiño, ademais dos representantes dos concellos nos que se levará a cabo esta rodaxe.

Tras a repercusión de series como The Avatars e Miracle Tunes, Portocabo alíase agora con Clan TVE para regresar ao xénero coñecido internacionalmente como kids live action. Neste caso, a historia xira arredor dun grupo de cinco amigos que vive un verán diferente e cheo de perigosas aventuras ao longo dos 20 episodios da serie, de 22 minutos cada un.

Os realizadores galegos Toño López e Lucía Estévez dirixirán esta proposta, para a que contan con José Rubio, Sara Gómez e Alexis Barroso a cargo dun guión que trae ao século XXI o espírito de clásicos da literatura e o cinema infantís e xuvenís, como El club de los cinco ou Los Goonies.

Recuperación e estabilidade do sector
A posta en marcha do fondo de rodaxes supuxo o arranque en 2021 do Hub Audiovisual da Industria Cultural, un programa de apoio sen precedentes para acelerar a recuperación e garantir a estabilidade dos profesionais do sector en Galicia, que se traducirá nun investimento de 9,6 millóns de euros ata 2023 a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) dentro do Eixo REACT-UE do Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da covid-19.

As subvencións para o desenvolvemento de grupos de proxectos audiovisuais, a creación do polo de aceleración do sector dos videoxogos e as subvencións para o desenvolvemento e promoción do talento musical galego son outras das accións xa en marcha ao abeiro do Hub, ás que se lles engadirás proximamente as axudas para proxectos de videoxogos. Ao tempo, continuase traballando no deseño da plataforma Galicia Film Office e noutras medidas transversais para o conxunto da industria cultural.